O BNG ribeirés critica a escasa inversión do goberno nos colexios públicos

    RIBEIRA > O BNG de Ribeira critica a política educativa desenvolvida polo executivo que, ó seu parecer, mantén ós colexios públicos nun estado ‘precario’.

    Os nacionalistas denuncian o feito de que nos orzamentos recentemente aprobados soamente se destinase unha partida de 60 mil euros para o mantemento dos centros públicos cando a comunidade educativa está a denunciar importantes deficiencias cada ano.

    O grupo municipal do BNG en Ribeira xa ten presentado numerosas iniciativas solicitando melloras nas instalacións dos colexios públicos do municipio, posto que en moitas ocasións presentan deficiencias como problemas de humidade, goteiras, aulas con perigo de derrubamento ou escasa dotación de persoal de limpeza, entre outras. As propostas foron rexeitadas sistematicamente polo grupo de goberno que, nos orzamentos de 2007, soamente destinou unha partida de 60 mil euros ó mantemento das escolas públicas.

    Os nacionalistas consideran ‘ridícula’ esta cantidade en comparación cos 120 mil euros destinados este ano para a conmemoración do centenario que se suman ós 400 mil do pasado ano. Critican tamén o feito de que se destinen 135 mil euros a Publicidade e Propaganda e Atencións Protocolarias; 400 mil que se investirán na remodelación da praza do concello ou o aumento no contrato da empresa de limpeza en 300 mil euros.

    Para a voceira do BNG ribeirés, Dominga Brión, existen outras prioridades nas inversións municipais como son as encamiñadas a rematar definitivamente coa situación de deterioro dos centros público.

    Os nacionalistas consideran necesario ademais un plan de mellora e dinamización das instalacións deportivas para dar un pulo definitivo á formación integral do alumnado ribeirés.

    Redacción Barbanza