O BNG demanda a transferencia das vivendas da Sareb á administración pública

RIBEIRA> O BNG levará unha iniciativa ó Congreso para reclamarlle ó Goberno Central a transferencia das vivendas da Sareb en Ribeira, e poder así dispor dun parque de vivenda pública. Dende a formación frentista incídese na necesidade de vivenda protexida no municipio, onde a mocidade ten serias dificultades para poder emanciparse.

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, xunto co portavoz municipal, Luís Pérez Barral, foron os encargados de explicar en que vai consistir a iniciativa que os nacionalistas levarán á Cámara Baixa para solicitarlle ó Goberno Central a transferencia de forma gratuíta de tódolos bens inmóbeis da Sareb á Xunta ou ben ós concellos que  o soliciten para o reforzamento da bolsa de vivenda pública e en réxime de aluguer social.  Segundo os nacionalistas a medida permitiría dar solución a un problema que existe hoxe en día como é o da emerxencia habitacional.

Un problema que, segundo eles, se dá de forma moi evidente en Ribeira, no que apenas existe oferta, e o acceso a unha vivenda para a maioría de veciños é algo imposible, debido ós elevados prezos do aluguer, a presión turística ou a falla de vivenda pública.