Un golpe de mar acaba coa vida dun xubilado ribeirés en Corrubedo

    RIBEIRA > Na tarde de onte producíase un novo suceso tráxico no mar. Un xubilado ribeirés de 63 anos de idade falecía no porto de Corrubedo ó ser sorprendido por un golpe de mar mentres faenaba na súa embarcación. A pesar de que foi rescatado aínda…

    …con vida, os servizos de emerxencia non puideron facer nada para reanimalo cando chegou a terra. Este é o segundocorrubedo2_300_070207.jpg caso de afogamento que se produce na comarca en menos dunha semana. Os feitos aconteceron arredor das seis e media da tarde cando varios veciños da parroquia ribeiresa foron testemuñas de como un golpe de mar afundía unha pequena embarcación cunha persoa abordo.

    Inmediatamente deron aviso a Salvamento Marítimo que despregou un dispositivo de emerxencia no que participaron Protección Civil, a Garda Civil, a lancha ‘Langosteira’ da Cruz Vermella e o helicóptero de Salvamento Helimar. Sen embargo, foron uns mariñeiros que se atopaban na zona os que rescataron a vítima aínda con vida pero moi débil. Unha vez en terra sufriu un paro cardíaco e, a pesar dos intentos de reanimación por parte dos servizos médicos, faleceu.

    O suceso causou unha grande consternación na parroquia de Corrubedo de onde era veciño o falecido. Santiago Lijó, mariñeiro xubilado de 63 anos de idade era moi coñecido entre os seus veciños posto que, aínda que era natural de Cambados, levaba moitos anos vivindo na parroquia ribeiresa onde casou e tivo catro fillos. Esta é a segunda ocasión en que o mar se cobra unha vida en tan só unha semana na comarca do Barbanza. O pasado venres, os equipos de mergulladores de Salvamento Marítimo e da Garda Civil do mar descubriron o cadáver dun mariñeiro en Porto do Son que levaba dous días desaparecido.

    Redacción Barbanza