Vinte e dous alumnos conclúen a súa formación no obradoiro de emprego Curota

    POBRA> A directora xeral de Emprego e a delegada territorial da Xunta na Coruña visitaron as obras do obradoiro de emprego Curota, no que participan os catro concellos de Arousa Norte. Nesta iniciativa, que toca ó seu fin, participaron vinte e dous alumnos que recibiron formación na especialidade de albanelería. Durante os últimos seis meses, os concellos de Ribeira, Pobra, Boiro e Rianxo acolleron un obradoiro de emprego conxunto no que a Xunta de Galicia investiu preto de douscentos mil euros. Un total de vinte e dous alumnos formáronse en albanelería conseguindo un certificado acreditativo da súa capacitación para acceder ó mercado laboral. Ademais da formación profesional dos alumnos, o obradoiro permitiu acometer unha serie de melloras nos catro concellos. Entre elas, a renovación de beirarrúas na estrada principal de Escarabote, na avenida da Coruña de Ribeira, a instalación da rede de pluviais na zona de Coroso ou as melloras viarias e de accesibilidade en varias rúas de Rianxo. Tamén se procedeu á instalación de beirarrúas e saneamento no lugar da Silva, unhas obras a piques de rematar que hoxe tiveron ocasión de visitar os representantes da Xunta. Os obradoiros de emprego son o mellor exemplo das políticas activas promovidas pola Xunta para promover a inserción laboral. Tanto é así que o nivel medio de contratación entre o alumnado destas iniciativas está no corenta por cento, subindo ata o setenta por cento nalgunhas especialidades. De aí que a Xunta de Galicia siga a apostar polo desenvolvemento deste tipo de políticas cun incremento do investimento destinado ós obradoiros de emprego que este ano acada os quince millóns de euros cunha partida específica para os menores de vinte e cinco anos. {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/02febreiro/25/visitaobradoiroempregopobra2502151.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/02febreiro/25/visitaobradoiroempregopobra250215.mp4{/flowplayer}