Decomisan na Illa 160 quilos de marisco que recollían catro brasileiras ilegais

    A ILLA > Novo episodio de furtivismo na ría de Arousa. Ocorreu de madrugada na Illa e rematou coa incautación de 160 quilos de marisco. Todo fai indicar que se trata dun grupo organizado, xa que entre as persoas identificadas pola Garda Civil había catro brasileiras e tres galegos da zona de Ferrol.

    Ocorreu a pasada madrugada na praia da Canteira, que está xusto na entrada da Illa de Arousa, baixo a ponte. Os vixiantes da confraría facían a ronda cando, pasada a unha da madrugada, avistaron varias persoas faenando. Avisaron ó cabildo e á Garda Civil, que se presentou de inmediato, comprobando a presencia na praia de tres mozas de nacionalidade brasileira e dous homes do norte da provincia da Coruña.

    mariscodecomisado.illa__200_090207.jpgSegundo Francisco Otero, vicepresidente da OPP, as mulleres decían non entender nada e non ter papeis, pero no vehículo aparcado na praia atopouse diversa documentación. Mentres se traballaba na identificación destas persoas, atopáronse outras dúas, unha brasileira e outro galego, que estaban agochados. En total foron sete, pero sospeitan que podería haber outros dous que escaparon deixando a documentación no coche.

    Marisco incautado

    mariscodecomisado.illa2_200_090207.jpgA Garda Civil incautou diversos aparellos para mariscar así como todo o producto extraído, en total 160 quilos, que na súa maior parte non ten o tamaño mínimo para saír ó mercado. E é que acababa de sementarse, como indicou Luísa Castro da agrupación de mariscadoras, que sospeita dun chivatazo. ‘Non é normal que o sementemos o luns e o martes, e o mércores veñan a levalo todo’, dí Luisa.

    E non é a primeira vez que lles pasa o mesmo. Por iso piden a implicación de Pesca no tema da vixiancia, algo que consideran fundamental para o futuro da súa actividade. ‘Ou empezan a vixiar de noite en serio ou esto non é nada. Temos que traballar, sementar e paga-la Seguridade Social para que despois o leven todo de noite’ laméntanse as mariscadoras, que, tras este incidente, esperan que a Consellería tome en serio as súas reivindicacións.

    Redacción Salnés