Os alumnos do CEIP Viñagrande de San Miguel de Deiro visitan o Salón do Libro

    PONTEVEDRA > Os alumnos de infantil do colexio Viñagrande de San Miguel de Deiro de Vilanova visitaron esta mañá o Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra. Esta visita…

    …guiada organizouse como premio ó traballo de deseño, redacción e elaboración de contos de medo, a temática elixida na edición do salón deste ano. Medio cento de rapaces de educación infantil do CEIP Viñagrande de San Miguel de Deiro acudiron esta mañá ó Salón do Libro de Pontevedra no marco das visitas guiadas para escolares.

    Os rapaces, acudiron en representación dos máis de cen alumnos da escola que traballaron arreo na elaboración dos contos de medo que presentaron ó concurso. Os pequenos deseñaron un grande pazo con fiestras das que saían os contos escritos e ilustrados por eles mesmos.

    A visita

    Durante a visita estiveron acompañados por un guía que lles ía mostrando obxectos habituais nos contos de medo, coma a capa do conde Drácula, e co que se animaron incluso a entrar na mesma boca do lobo, onde escoitaron un conto, sentados sobre a lingua e entre dentes e moas. Do tema do salón, o medo, nin rastro.

    O obxectivo último desta mostra é a de achegar ós máis pequenos á lectura, para o que se establece un calendario de lecturas recomendadas ós centros escolares por tramos de idades, e a elaboración posterior dos traballos que estes días se mostran no Pazo da Cultura de Pontevedra, ata a súa clausura este vindeiro sábado.

    Redacción Salnés