Ravella aporta 60.000 euros para a ampliación do cemiterio parroquial de Rubiáns

VILAGARCÍA> Hai avances no proxecto de ampliación do cemiterio parroquial de Rubiáns, en Vilagarcía. Esta mañá o alcalde e o presidente da comunidade de montes desta parroquia asinaban un convenio de colaboración para o impulso do proxecto. O concello vai aportar 60.000 euros. A intención é iniciar os traballos canto antes pola altísima demanda de nichos. A previsión é construír uns 120 panteóns nun terreo anexo ao actual camposanto.

A ampliación do cemiterio parroquial de Rubiáns, en Vilagarcía, leva tempo enriba da mesa. Co actual camposanto completo, a veciñanza da zona leva tempo demandando novos panteóns. Unha petición que axiña será unha realidade grazas ao proxecto de ampliación destas instalacións. O concello colaborará con el aportando 60.000 euros. Esta mañá o alcalde e o presidente da Comunidade de Montes de Rubiáns asinaban un convenio de colaboración.

Dende a Comunidade de Montes agredeceron a implicación do concello no proxecto. A ampliación contempla a construción duns 120 panteóns nun terreo anexo ao actual cemiterio.

A intención é arrancar os traballos o antes posible, debido á demanda. Segundo indicaron, hai xa máis de 40 familias que teñen solicitada a adquisición dun dos novos panteóns.