Sanxenxo limitará o tempo do estacionamento en Luis Rocafort

    SANXENXO> O concello de Sanxenxo regularizará o aparcadoiro na avenida Luis Rocafort durante o verán. No encontro que mantivo coa plataforma de afectados, o alcalde Telmo Martín decidiu atender as súas demandas e limitar o tempo dos estacionamentos. Martín comprometeuse ademais a trasladar á Deputación de Pontevedra outras das súas demandas, nun encontro coa presidenta Carmela Silva para o que aínda non hai data. O concello de Sanxenxo porá límite de tempo ao estacionamento na Avenida Luis Rocafort. A medida estará en vigor durante o verán, e atende a unha das demandas da Plataforma de Afectados. Este foi un dos acordos que se acadaron no encontro que o sábado mantivo o novo executivo coa plataforma veciñal. Unha reunión que o colectivo aproveitou para trasladarlle outras das súas demandas, como o mantemento das prazas de aparcadoiro. Tras este encontro, os veciños quedaron emprazados a unha nova reunión que se produciría despois da agardada entrevista entre Telmo Martín e a presidenta da Deputación, administración encargada da obra. Polo de momento, non hai data fixada. Dende o concello aseguraron que están abertos a ter en conta as suxestións da plataforma de afectados, e comprometéronse a facer novas xestións segundo avancen os contactos coa institución provincial. Os veciños tamén solicitaron ao alcalde que se xestionen as cesións pendentes. Un trámite no que colaboraron entregando os contactos dos que dispoñen.