![]()
PONTEVEDRA > O alcalde de Madrid asegura estar entusiasmado co proxecto de Telmo para Pontevedra. Alberto Ruíz Gallardón visitou hoxe a cidade acompañado polo candidato popular, que lle presentou o seu proxecto, unha iniciativa ambiciosa pero real e, segundo se repetiu hoxe en múltiples ocasións, viable.
Tras unha reunión privada co candidato do PP, o alcalde de Madrid deu un paseo pola cidade de Pontevedra en compaña de varios altos cargos do partido. Na comitiva ían a ex ministra Ana Pastor, a ex conselleira Pilar Rojo, o secretario xeral do PPdeG, Alfonso Rueda, o presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, o presidente do PPdeG, Núñez Feijoo, e a actual voceira municipal do PP, Teresa Pedrosa.
Todos percorreron a cidade repartindo bicos e asinando autógrafos, sobre todo o protagonista de hoxe, o alcalde de Madrid, que asegurou estar entusiasmado co proxecto de Telmo Martín.
Tras un café na Ferrería, os dous candidatos achegáronse ata o Pazo de Congresos para ver, in situ, o lugar onde comezaría o gran bulevar proxectado por Telmo Martín para a cidade. Coa ponte dos tirantes de fondo, o candidato foille explicando como ve el ‘a nova Pontevedra’, un proxecto integral onde o protagonista sería o cidadán.
Xantar no Parador
Pero Telmo quería que o alcalde madrileño avalase o seu proxecto ante as forzas vivas da cidade. Para iso convocou un xantar no Parador no que reuniu a moitas caras coñecidas do municipio ós que trataron de convencer de que o proxecto de Martín non só é bó senón que é posible. Telmo Martín e Ruíz Gallardón escolleron nomes representativos do mundo da empresa, o deporte e a comunicaión para presenta-lo bulevar Lérez-Ría, o gran proxecto do candidato popular para Pontevedra.
Telmo Martín quería que alguén que tamén plantexou un proxecto ambicioso para a súa cidade e o está sacando adiante, convencese ós pontevedreses de que o seu programa é posible. ‘Ruíz Gallardón representa o modelo de xestión que eu quero aplicar en Pontevedra’ asegurou Martín.
Pola súa banda o alcalde de Madrid indicou que as cidades que non arriscan perden o tren da modernidade, e iso non o pode permitir un alcalde que ten o deber de xestionar ‘incluso a utopía’. Por iso loubou a ‘valentía’ de Telmo.
O máis crítico coa actual situación do concello foi o presidente do PP galego. Núñez Feijoo cre que ‘Pontevedra é unha gran moza, cun mal noivo’. Por iso propón apostar polo cambio e ver do que é capaz Telmo Martín.
Redacción Salnés









