A Comisión en Memoria de Plácido Betanzos propón dedicarlle un paseo

RIBEIRA> Consitituída en Palmeira  a Comisión na Memoria de Plácido Betanzos. O obxectivo de entidade, integrada por quince persoas é perpetuar a memoria do político ribeirense a través da construción dunha escultura nun paseo que leve o seu nome. O legado de Plácido Betanzos, falecido en xuño, está moi vivo entre quen o coñeceu. É por iso que na súa Palmeira natal vense de constituír unha comisión para perpetuar a súa memoria. Quince persoas, representantes dos máis variados eidos sociais, integran este órgano que ten como principal obxectivo erixir un monumento en lembranza de Plácido e solicitar que se lle dea o seu nome ó paseo onde prevén instalar a escultura. Co obxectivo de recadar fondos para este fin, tentarán implicar ó tecido asociativo de todo o municipio. Así, remitirán unha carta ás distintas entidades solicitando a organización de eventos benéficos. O primeiro deles, promovido por parte dos alumnos de Plácido, será un partido de fútbol que terá lugar no campo de fútbol das Tasca de Aguiño este sábado. O prezo da entrada será de dous euros. Habilitouse ademais unha conta bancaria para a realización de doazóns e crearanse perfís nas principais redes sociais para dar a coñecer a actividade e propostas da comisión. A meta fixada pola entidade é o 2 de xuño de 2019, cando se cumpre un ano do pasamento de Plácido, para poder inaugurar a escultura na súa memoria.