Caamaño aspira a pór fin a 20 anos de maioría absoluta do PP

    victorcaamano_100_090207.jpgCAMBADOS > O BNG aspira en Cambados a rematar con 20 anos de maiorías absolutas do PP, de improvisación e incoherencia, …

    … tal como indicou o candidato nacionalista Víctor Caamaño. O cabeza de lista do BNG foi presentado onte á noite nun ateigado auditorio da Xuventude.

    quintanaencambados_200_090207.jpgNon lle faltaron apoios desde o goberno autonómico a Víctor Caamaño na súa presentación pública como candidato do BNG á alcaldía de Cambados. Caamaño entrou no auditorio da Xuventude acompañado do voceiro nacional do partido e Vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana. Pero na primeira fila tamén estiveron a secretaria xeral de vivenda, a directora xeral de Fomento e Calidade da Vivenda, e os delegados das consellerías de Industria, Vicepresidencia, Medio Rural e Vivenda. Vendo o auditorio cheo con medio milleiro de persoas, os nacionalistas ven con optimismo a posibilidade de acabar con 20 anos de maiorías absolutas do PP en Cambados.

    Quintana dixo de Caamaño que será un gran alcalde para Cambados e para Galicia, xa que o primeiro que fará será por ó pobo ó lado do Concello e gobernar para os veciños, con colaboración, e non con guerras coas outras institucións. Neste punto viñeron as principais críticas para o popular José Manuel Cores Tourís, en referencia ós conflictos que garda con Vicepresidencia pola gardería e o CIM. ‘Para un alcalde o interese do concello ha de estar por riba de intereses persoais ou partidistas’, sinalou Caamaño, ó tempo que engadía que ‘non é de recibo que Tourís faga campaña para Feijóo en contra de Cambados’. Sobre a gardería, o candidato nacionalistas comprometeuse a que ó día seguinte de ser elixido alcalde solicitará unha entrevista con Quintana para solucionar o ‘conflicto ficticio’ da gardería.

    Caamaño criticou a improvisación e incoherencia que reinou nos últimos gobernos municipais do PP e afirmou que el si conta con persoas e proxecto para construír un Cambados con servizos de calidade e boas infraestructuras, pero sobre todo un Concello dinámico e participativo. Un proxecto que conta ademais co respaldo do BNG. ‘Quero dicirche, en nome do BNG, que terás todo o noso apoio para acceder á alcaldía pero tamén cando a consigas’, indicoulle Quintana a Víctor Caamaño, ó tempo que remataba o discurso dando ánimos ó candidato.

    Redacción Salnés