A morte dun mozo electrocutado tingue de loito o entroido de Ribeira

    RIBEIRA > Os ribeireses espertaron coa tráxica nova da morte dun mozo durante a madrugada, mentres participaba nas celebracións do entroido.

     

    Os feitos aconteceron arredor das cinco da madrugada na Rúa Portugal, nas inmediacións da carpa instalada polo concello onde se celebrara previamente o baile de entroido.

    Segundo testemuñas presenciais, a vítima atopábase agarrado a unha farola cando, ó parecer, sufriu unha descarga eléctrica e caeu ó chan. Inmediatamente foi trasladado ó centro de saúde, ubicado a cincuenta metros do lugar do suceso, pero a pesar da rápida atención nada se puido facer para salva-la súa vida.farola_200_200207.jpg

    O corpo foi trasladado ó Hospital Clínico de Santiago, para practicarlle a autopsia. A falta de coñecer os resultados, o concello de Ribeira non quixo realizar valoración algunha sobre a responsabilidade do suceso aínda que un técnico responsable do alumeado desprazouse ata a zona para supervisar o estado das instalacións e, segundo informaron fontes municipais, non atopou ningunha deficiencia. Sen embargo, os amigos da vítima sosteñen que o sistema de alumeado era defectuoso polo que a Policía Nacional xa traballa na investigación das causas do sinistro.

    Celebracións suspendidas

    Mentres tanto, o goberno municipal decidiu suspende-los actos incluidos na programación do entroido para manifestar o seu pesar por este feito luctuoso.

    O falecido era un mozo de 36 anos con iniciais I.C.B. A pesar de que era natural de Bilbao, levaba varios anos residindo na parroquia de Corrubedo, terra á que tiña moito apego. Compaxinaba o seu traballo no sector da construción coa súa gran paixón, as motos, das que era un gran afeccionado.

    Redacción Barbanza