A gardería mellorará os seus servizos seguindo o criterio dos usuarios

    nenosgarderiaribeira_100_140307.jpgRIBEIRA > O concello de Ribeira está a realizar unha enquisa entre as familias usuarias da gardería municipal para obter unha valoración do seu funcionamento.

    Cando se cumpren dous anos dende a súa apertura oficial, a Gardería Municipal de Ribeira está a ter un éxito importante en canto ó número de usuarios. Actualmente xa son uns 140 nenos de idades comprendidas entre os cero e os tres anos os que acoden habitualmente ó centro que permanece aberto de xeito ininterrompido dende as sete da mañá ata as dez da noite, de luns a venres.

    O Departamento de Igualdade e Acción Social que dirixe Esther Patiño iniciou hai varias semanas o envío dunha carta ás familias usuarias da Escola Infantil cun cuestionario co fin de recolle-la opinión do actual funcionamento da gardería. Na enquisa abórdanse diferentes cuestións como o proceso de inscrición e selección, a incorporación do alumnado na escola, os horarios e tarifas, o estado das instalacións ou mesmo as necesidades de novos servizos e actividades.

    Mellora dos servizos

    nenosgarderiaribeira_200_140307.jpgCos resultados da enquisa o concello ribeirés pretende que os profesionais do Departamento de Servizos Sociais e da propia Escola Infantil poidan realizar melloras nos servizos que lles ofrecen e incrementar así a calidade da educación que reciben os cativos que acoden diariamente ó centro. Na carta tamén se informa de que o prazo de renovación das matrículas para o curso 2007/2008 é do 15 ó 30 deste mes de marzo e o prazo para a presentación de novas solicitudes para o vindeiro curso será do 2 ó 17 de abril.

    A Gardería Infantil de Ribeira constitúe unha alternativa educativa global de calidade para os nenos menores de tres anos, que contribúe ó desenvolvemento constante e equilibrado de tódalas posibilidades dos cativos en canto á formación física, cognitiva e afectivo-social. Ademais a Escola Infantil permite á conciliación da vida laboral e familiar, así como á igualdade de oportunidades educativas dos nenos do municipio.

    Redacción Barbanza