![]()
PONTEVEDRA > A conselleira de Sanidade reuniuse esta mañá co alcalde de Pontevedra e co presidente da Deputación…
… para analiza-los detalles do hospital único previsto na cidade. Deste xeito a Xunta quere dar datos e prazos concretos que fagan crible o interese do seu departamento por facer canto antes este centro hospitalario.
Trala presentación do plan funcional o pasado mes de xaneiro durante a xuntanza á que pertencen estas imaxes, a conselleira achegouse de novo esta mañá a Pontevedra para seguir concretando datos sobre o novo hospital único. Segundo María José Rubio, en abril estará redactado o proxecto básico arquitectónico e contratarase o estudo xeotécnico para que no primeiro semestre de 2008 se poida inicia-la licitación das obras.
A conselleira de Sanidade asegura que non quere facer demagoxia coas datas, consciente da gran complexidade que ten sacar adiante un proxecto coma éste. Aínda así confía en que se poidan acortar os prazos o máis posible.
Inversión millonaria
Para iso recordou hoxe que o novo hospital custará case cen millóns de euros, dos que 2 e medio xa están previstos nos orzamentos deste ano e case 7 pro vindeiro. O novo edificio terá máis de 70 mil metros cadrados, 1.600 prazas de aparcamento e dará cobertura especializada a 222 mil veciños de Pontevedra ademais de ser centro de referencia para outros 73 mil da área do Salnés.
Redacción Salnés








