Malestar entre os vendedores ambulantes e a patronal de Ribeira pola suspensión do mercado

RIBEIRA> A festa da Dorna implica que o próximo sábado non se celebre o mercado ambulante en Ribeira. Esta decisión non foi ben acollida polo colectivo de vendedores nin tampouco pola asociación de empresarios que consideran que poderían compaxinarse ambas actividades.

O próximo sábado día 22 de xullo non haberá mercado en Ribeira. A celebración da festa da Dorna implicará a instalación dun palco de grandes dimensións na zona portuaria onde tamén se desenvolverá ese día unha exhibición de embarcacións tradicionais, facendo imposible a celebración da tradicional feira dos sábados.

Tanto os vendedores ambulantes como a asociación de empresarios de Ribeira amosaron a súa disconformidade con esta decisión non só polo prexuízo económico para os primeiros senón tamén para todo o comercio local posto que os sábados, especialmente de verán, son xornadas de moitas ventas ante a gran afluencia de xente que acude ó mercado. A patronal solicitou ó concello que revertese esta decisión, alegando que a concorrencia das festas e do mercado son perfectamente compatibles.

Sen embargo, o executivo local manifestou que non hai tempo material para cambiar as actividades organizadas. O alcade, Luís Pérez Barral aclarou que tivo coñecemento desta decisión, adoptada pola anterior corporación, o pasado martes sen tempo xa para deseñar unha alternativa. Pola súa parte, o edil de Mercados, Vicente Mariño, comprometeuse a, a partir de agora, priorizar a celebración do mercado como motor económico da vila, aínda que coincida con celebracións ou datas festivas.