Unha árbore lembrará a cada promoción de alumnos do IES Pobra

    prantacionfreixoiespobra_100_130307.jpgPOBRA > Os alumnos de 2º de Bacharelato do IES Pobra prantaron unha árbore no patio exterior como recordo do seu paso polo centro.

    Con esta iniciativa, proposta polo Departamento de Ciencias, preténdese render homenaxe a cada unha das xeracións que cursan estudos no instituto ó mesmo tempo que se recupera o entorno natural do mesmo con especies autóctonas.

    Antes da prantación da árbore, os alumnos asistiron a un acto no que o director do centro lles explicou o significado deste acto simbólico. As árbores, que a partir de agora prantarán tódalas promocións que saian do instituto pobrés, pretenden ser un recordo tanxible do seu paso polo centro así como un punto de partida cara unha nova etapa nas vidas dos alumnos.

    A iniciativa de organizar este acto xurdiu do departamento de Ciencias, dirixido por Xulio Gutiérrez, que elevou a proposta a dirección. Tanto os responsables do centro como os propios alumnos a acolleron con moita ilusión posto que é unha forma simbólica de deixar plasmados seis anos cheos de recordos e vivencias.

    prantacionfreixoiespobra_200_130307.jpgA pesar de que se barallaron outras especies, finalmente optouse por prantar un freixo. A decisión adoptouse, segundo o responsable do departamento de Ciencias, porque esta árbore garda moitas simlitudes coa promoción que este ano remata a Secundaria.

    O freixo é unha árbore autóctona, moi bonita aínda que non moi frecuente. Soe nacer nas beiras dos ríos e presenta importantísimas potencialidades dende as súas propiedades mediciñais ata a calidade da súa madeira. Pero a pesar da súa utilidade, precisa de coidados especiais e un rego continuado para a súa boa conservación.

    Nos vindeiros anos, as distintas xeracións seguirán a prantar árbores no patio do centro para, ademais de deixa-la súa pegada, contibuír á recuperación deste espazo natural.

    Redacción Barbanza