RIBEIRA> Centos de persoas saíron á rúa a pasada tarde para denunciar a precaria situación da sanidade no Barbanza. Demandan máis persoal sanitario nos centros de saúde e a ampliación do cadro de especialistas en diversas especialidades do hospital do Barbanza.
Éxito da convocatoria de mobilización da plataforma pola sanidade pública do Barbanza. Máis dun millar de persoas, procedentes de toda a comarca, déronse cita ás portas do centro de saúde para iniciar unha marcha polas principais rúas da localidade. O obxectivo: demandar unha sanidade pública de calidade ante a cada vez maior precarización de recursos tanto materiais como humanos.
Precisamente a falla de médicos é unha das principais eivas do sistema con efectivos insuficientes na maior parte dos centros de saúde como en Ribeira e Palmeira ou nos casos máis extremos como Cabo de Cruz e Taragoña que permanecen pechados dende hai máis de dous anos.
Ademais dos problemas en primaria, os manifestantes denunciaron a falla de especialistas no hospital do Barbanza que levou ó límite a algunha das especialidades como medicina interna ou pediatría.
Tralo éxito da convocatoria, os representantes da Plataforma remitiron esta mañá á Consellería de Sanidade as máis de 5000 sinaturas recollidas en toda a comarca para que as súas demandas sexan atendidas.