Un grupo de arqueólogos escava o pasado medieval da Miserela

    POBRA> Un grupo de arqueólogos traballa estes días no do antigo eremitorio de San Xoán da Miserela na busca de vestixios deste xacemento. As escavacións xa permitiron localizar diversos restos de cerámica que serán analizados e catalogados co fin de obter máis información deste xacemento no que non se tiña acometido ata o de agora ningunha intervención. A lenda sobre a chegada dun santo nunha barca de pedra e a numerosa documentación bibliográfica sobre a existencia dun eremitorio nesta fermosa paisaxe, entre o río Barbanza e o río Pedras, levaron a este grupo de estudosos a acometer esta escavación grazas a unha axuda autonómica. Durante as dúas semanas que durarán as escavacións levarán a cabo tres catas de dous por dous metros cada unha. Ademais de corroborar a existencia dun recinto relixioso nesta zona, documentada entre os siglos XIV e XV, os arqueólogos traballan coa hipótese dun xacemento anterior. As pezas achadas ata o de agora serán analizadas por un grupo de estudo da Universidade de Santiago que avalará cientificamente o estudo a través da súa catalogación. Á marxe da vertente científica, os responsables do proxecto pretenden darlle un carácter divulgativo polo que trasladarán os resultados desta intervención ós veciños da zona e ós propietarios dos terreos, dependentes da comunidade de montes, que lles deron as máximas facilidades para realizar o seu traballo. Tamén mantiveron contactos cos colexios da zona para que os pequenos poidan coñecer máis de preto o traballo dos arqueólogos.