![]()
BARBANZA > A campaña emprendida por Arousa Norte para implicar á empresa privada no consorcio de Turismo xa comeza a dar os seus froitos.
Ademais dos empresarios do propio sector turístico tamén se interesaron polo proxecto outras industrias como é o caso da conserveira. A Mancomunidade xa chegou a acordo con varias firmas da comarca para desenvolver accións conxuntas tanto no eido promocional como formativo.
A xerente da Mancomunidade de Municipios Arousa Norte, Fátima Rodríguez, valorou moi positivamente o interese amosado pola industria conserveira na constitución do Consorcio de Turismo. Nos primeiros contactos establecidos con varias empresas do sector, estas xa amosaron a súa dispoñibilidade de colaborar economicamente con este proxecto, no que tamén estarán implicadas as administracións públicas.
Accións conxuntas
Deste xeito, o consorcio desenvolverá campañas promocionais que contarán coa participación directa do sector e organizaranse accións concretas coordinadas dende as propias empresas. Entre elas, xa se está a estudar a elaboración de catálogos das conserveiras para distribuír dende as oficinas de turismo, o desenvolvemento de accións gastronómicas en colaboración co restaurante ou mesmo a organización de visitas guiadas ás factorías.
Polo momento, practicamente tódalas conserveiras da comarca manifestaron a súa intención de formar parte do proxecto e xa están a materializar os primeiros acordos.
Redacción Barbanza








