Vicepresidencia deseña un plan integral de mellora das casas do mar

    casadomarribeira_100_020307.jpgBARBANZA > As importantes deficiencias que presentan actualmente as Casas do Mar da zona volve a abri-lo debate sobre a necesidade do traspaso

    … destas instalacións á administración local, un trámite que xa está a xestiona-la Consellería de Vicepresidencia. O departamento autonómico que dirixe Anxo Quintana ten previsto ademais realizar unha importante inversión nestes inmobles co fin de garanti-lo seu futuro. Neste sentido a Consellería de Vicepresidencia da Xunta de Galicia vén de informar que está a preparar un plan integral de mellora das Casas do Mar existentes por toda Galicia.

    Vicepresidencia sinala que cando chegaron ó goberno sobre estes inmobles non atopou papel nin informe algún respecto o seu estado e necesidades, polo que decidiu realizar un importante traballo de inspección, análise e planificación do estado destes edificios para acometer un plan integral de mellora dos mesmos.

    Cuádruple inversión

    Nada máis chegar ao Goberno, e detectados os graves problemas e deficiencias provocados por anos de abandono destes centros, a Vicepresidencia acometeu un primeiro bloque de obras de choque para reparar cuestións urxentes nestes centros, obras que segundo fontes deste departamento autonómico supuxeron xa cuadriplicar os orzamentos que o Partido Popular na Xunta destinara a estes inmobles en 16 anos de goberno.

    A maioría destas actuacións pasan ademais, en primeiro termo, pola transferencia ó goberno galego da titularidade destes edificios, que aínda reside no Instituto Social da Mariña, dependente do Estado. A Vicepresidencia da Xunta detenta sobre estas casas do mar a xestión dunha parte das dependencias que o ISM ten en Galicia, por iso ten demandado a Madrid a súa titularidade, que se está a negociar xa no seo da Comisión Mixta de Transferencias e sobre o que o Goberno do Estado ten expresado a súa vontade política de proceder a este traspaso. O feito de que a Xunta non sexa o titular destes inmobles complica e provoca retrasos nas actuacións que dende a Consellería de Vicepresidencia se queren levar a cabo, xa que debe se-lo Instituto Social da Mariña como titular das Casas do Mar, quen teña que autorizar todas e cada unha das actuacións e investimentos que nestes centros se leven a cabo.

    Paralelamente a este proceso de transferencia en Madrid, a Vicepresidencia da Xunta de Galicia está inspeccionando ó detalle o estado de todos e cada un destes inmobles, avaliando a súa situación e cuantificando as necesidades, para así preparar o que será o plan integral de mellora dos mesmos.

    Dende Vicepresidencia considérase ademais como sorprendente que sexa precisamente agora cando moitos alcaldes do Partido Popular denuncien o estado destes centros e reclamen solucións, cando en 16 anos que o seu partido gobernou en Galicia non fixeron nada por evitar esta situación. Por esta razón consideran que o PP e moitos alcaldes desta formación política deben desculparse cos veciños e cos mariñeiros usuarios destes centros por acordarse agora tan tarde deles.

    Redacción Barbanza