Os veciños de Barro contarán cunha subvención para a mellora do cemiterio

cemiteriosantacristina_100_140307.jpgNOIA > A Deputación de Coruña investirá 13 mil euros nas obras de mellora no cemiterio de Santa Cristina, na parroquia noiesa de Barro.

Así llo comunicou o presidente do ente provincial, Salvador Fernández Moreda, ós representantes da asociación de veciños desta parroquia que se desprazaron ata A Coruña para manter un encontro co mandatario provincial.

Durante a xuntanza, a delegación noiesa encabezada polo presidente da Asociación de Veciños de Santa Cristina do Barro, José Fernández Hermo, e o portavoz socialista no concello, Rafael García Guerrero, expuxo ó presidente provincial as principais deificiencias que presenta o cemiterio.

Fernández Moreda comprometeuse a aportar, dende o seu departamento, unha subvención de 13 mil euros para financiar parte das obras de mellora, entre as que destacan o adecentamento do recinto e a revisión e reforma da instalación eléctrica.

Os responsables do colectivo veciñal amosaron o seu agradecemento por esta subvención posto que é a primeira vez en moitos anos que obteñen unha axuda pública para a mellora do cemiterio, annte a falta de recursos do colectivo para afronta-los gastos.

A aportación económica para a execución dos traballos arbitrarase a través dunha subvención nominativa que será aprobada proximamente polo pleno da Deputación da Coruña.

Redacción Barbanza