21 restaurantes de Portonovo servirán Raia en caldeirada e 8,50€

cartelraia_100_190307.jpgSANXENXO > Portonovo dedicará 3 días a enxalzar o seu produto estrela, a raia. Unha vintena de restaurantes incorporarán este peixe …

… ós seus menús na última fin de semana deste mes de marzo a un prezo especial de 8 euros e medio. A festa compleméntase cun amplo programa de actividades culturais que se desenvolverán nunha carpa no recinto portuario.

Un total de 21 restaurantes servirán de prato principal raia en caldeirada durante a última fin de semana deste mes. Será en Portonovo con motivo da décimo terceira Festa da Raia. O Concello de Sanxenxo, mailo resto de entidades colaboradoras presentaron o programa desta edición, que se desenvolverá do 30 deste mes ó 1 de abril. Os restauradores da vila fixaron un prezo mínimo de 8 euros con 50 para o prato de raia, pero ademais, como novidade este ano, haberá menús degustación gratuítos, e na carpa as consumicións do bar irán acompañadas dun pincho de raia.

A carpa, de 1.200 metros cadrados, que se instalará no recinto portuario dedicarase como o ano pasado ás actividades culturais. O día 30 dedicarase ós maiores e pola noite actuarán Goma Dous e Avelaíña. O sábado 31 haberá un certame de corais ó mediodía e pola tarde será a gala de entrega de premios do concurso de debuxo, conducida por Teatro do Mar, e coa actuación do Mago Xacobe. Á noite serán os concertos da Fundación Toni Manero e de Juan Rivas. Xa o domingo, día 1 entregaranse as Raias de Ouro, e será o certame dos Gatiños. O programa complétase con exposicións de maquetas e paneis informativos sobre a raia, un acuario con raias vivas e con visitas ó barco Nauja. O que se adianta esta edición é o concurso de cociña. Os participantes han de presentar os seus pratos o 24 deste mes, ás seis da tarde no Restaurante Cachalote de Portonovo.

Redacción Salnés