Revés final a unha banda de narcos asentada no Salnés

{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/02febreiro/07/ZEUS2.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/02febreiro/07/SEGUNDA_FASE_OPERACION_ZEUS.mp4{/flowplayer} SALNÉS> A Policía Nacional dá por desartellada unha banda de narcotraficantes que distribuía droga desde O Salnés a toda Galicia. Esta semana caeron os últimos dez detidos na segunda fase da Operación Zeus, arrestos practicados en Meaño, O Grove, Gondomar e Monforte de Lemos. Os líderes da banda xa caeran na primeira fase en decembro, un veciño de Ribadumia de 58 anos con antecedentes policiais e dous vilanoveses. Os tres ingresaron en prisión preventiva. A Policía Nacional dou esta semana o golpe final ó grupo organizado de narcotraficantes que desde O Salnés distribuían supostamente varios tipos de drogas a toda Galicia. Entre o martes e o mércores, axentes da Policía Nacional concluían a Operación Zeus coa detención de dez persoas nos concellos de Meaño, O Grove, Gondomar e Monforte de Lemos, e rexistrando cinco domicilios nos que atoparon case dúas mil doses de MDMA, 13 gramos de cocaína, 2.400 de marihuana, 80 de hachís, así como substancias de corte, básculas de precisión, envasadoras e 2.700 euros en efectivo. Segundo fontes da investigación, estes dez detidos ocuparían postos de menor responsabilidade dentro do grupo, xa que os supostos cabecillas caeron xa na primeira fase. Foi entre o 17 e 18 do pasado mes de decembro. Entón a Policía executaba cinco arrestos, tres homes e dúas mulleres de Ribadumia e Vilanova. Os tres homes ingresaron en prisión preventiva, un veciño de Ribadumia de 58 anos con antecedentes policiais, e dous de Vilanova, de 55 e 43 anos. As mulleres, unha de nacionalidade brasileira de 26 anos e muller do ribadumiés e outra de 42 de Vilanova quedaron en liberdade con cargos. A operación Zeus comezou a raíz da detección dun grupo de persoas asentadas na comarca do Salnés que estaban abastecendo drogas a distinto puntos de Galicia. Na investigación puidéronse probar cando menos dúas transaccións de heronía e unha de hachís cara Vilagarciá, Marín e Lugo. Foi entón cando se executou a primeira fase, na que a Policía se incautou de 905 gramos de heroína, 7,5 de cocaína, 250 de hacís, substancias de corte, cartos en efectivo e bens por valor de 120.000 euros. Con este novo golpe a Policía Nacional dá por desartellada a banda. A Operación Zeus está dirixida pola xuíza Pilar de Lara, do Xulgado de Instrución número 1 de Lugo, en coordinación co Grupo de Tráfico Medio de Estupefacientes da Comisaría de Pontevedra, o Grupo de Estupefaciente de Lugo e a Unidade de Prevención e Reacción de Vigo. Dos dez detidos esta semana, cinco xa foron postos en liberdade e os outros cinco a disposición xudicial.