O Barbanza viviu durante a fin de semana unha vaga de actos delictivos

    casaaguio_100_190307.jpgBARBANZA > O Barbanza rexistrou esta fin de semana un elevado número de sucesos violentos que evidencian o incremento da delincuencia na zona.

    Un dos máis graves aconteceu na mañá do domingo en Aguiño onde catro persoas entraron nunha vivenda e ameazaron á súa propietaria cun arma de fogo. Ó parecer, os mozos, que xa foron detidos, buscaban ó fillo da dona da casa por un asunto de tráfico de drogas.

    Foi a propia agredida quen dou a voz de alarma despois de que os mozos que irromperan na súa casa se deran á fuga ó comprobar que o fillo, a quen supostamente buscaban, non se atopaba na vivenda. Segundo relatou a propietaria da casa ós axentes da policía local de Ribeira, os catro mozos a ameazaron cunha pistola e posteriormente fuxiron nun automóbil de cor branco, marca Ford Escort.

    Os axentes localizaron o vehículo no porto de Aguiño pero, ó percatarse da súa presenza, os delincuentes fuxiron. Sen embargo, outra patrulla da Policía Local conseguiu interceptar o vehículo procedendo á detención dos catro ocupantes: J.M.G.O., de 34 anos, F.A.D.B., de 22, F.D.V. de 21 anos, e a moza M.C.D.V., tamén de 21 anos. Os catro detidos foron postos a disposición xudicial, tras prestar declaración sobre o acontecido. A policía investiga se puido tratarse dun axuste de contas motivado por sucesos relacionados co tráfico de estupefacientes.

    Na madrugada do venres ó sábado rexistrouse outro suceso en Ribeira. Esta vez tratouse dunha liorta acontecida nas inmediacións da praza do concello na que resultou ferida unha moza italiana de 21 anos que tivo que ser trasladada ó hospital comarcal. Os axentes da policía local e nacional procederon á detención de dous mozos, D.R.M. de 25 anos e J.M.G.B. de 20, ámbolos dous veciños de Ribeira. Ademais da súa participación na pelexa, os dous detidos están acusados dun delito de desobediencia e resistencia a axentes da autoridade.

    E o sábado se producía un nova acto delictivo nas dependencias da comisaría de Ribeira onde un detido prendeu lume á celda na que se atopaba provocando un incendio que obrigou a evacuar ós ocupantes das demais estancias. O autor do lume, con iniciais G.E.R.R., de 36 anos, acababa de ser arrestado por incumpri-la orde de alonxamento dos seus pais e da súa irmá. Os axentes da Policía Local procederon á detención na casa dos pais, onde o home se atopaba totalmente nu. Ante a negativa de poñe-la roupa, os funcionarios vironse obrigados a trasladalo igualmente espido á comisaría. Unha vez alí prendeu lume ó calabozo no que se atopaba que quedou totalmente calcinado. O resto das dependencias resultaron afectadas polo fume aínda que o lume non causou danos de importancia.

    Na noite do sábado ó domingo rexistrouse tamén unha pelexa na zona da movida, resultando denunciados cinco veciños da localidade, con idades comprendidas entre os 19 e os 25 anos, por alteración da orde pública e da seguridade cidadá.

    Lesións con arma branca

    Boiro tamén foi escenario esta fin de semana de varios actos delictivos. A Garda Civil detivo a un veciño da localidade, de 45 anos, como suposto autor dun delito de lesións con arma branca. O detido, de nacionalidade portuguesa foi identificado coas iniciais, F.A.C.T. Os feitos aconteceron na madrugada do sábado nunha pensión da vila onde o imputado agrediu a outro cidadán de nacionalidade portuguesa tras manter unha discusión. As feridas que lle ocasionou por arma branca fixeron preciso o traslado da vítima ó hospital do Barbanza, onde permanece ingresado.

    Noutra orde de cousas, a Garda Civil tamén detivo durante a fin de semana a un veciño de Redondela, R.M.G, de 26 anos, por un delito de omisión de socorro. Supostamente, o mozo sufriu un accidente de tráfico contra outro vehículo e, en lugar de prestarlle auxilio, fuxiu do lugar dos feitos quedando atrapado o conductor do outro turismo no seu interior. Para a súa evacuación foi precisa a intervención dos bombeiros que procederon á súa excarceración e posterior traslado ó hospital comarcal. O conductor fugado, foi localizado intres despois nunha cafetería próxima.

    Estas non foron as únicas detencións posto que os axentes da Garda Civil de Boiro e A Pobra sorprenderon a un veciño da zona, J.M.C.C., con 50 doses de cocaína. Os feitos aconteceron na madrugada do venres, nas inmediacións dun local da movida nocturna.

    E o domingo procedeuse tamén á detención dun cidadán senegalés por un suposto delito contra a propiedade intelectual posto que trataba de vender discos falsificados na rúa. O valor da mercancía intervida, consistente en 147 discos compactos, podería chegar a alcanzar máis de 2.000 euros no mercado.

    Redacción Barbanza