Vicepresidencia pon en marcha as tres primeiras galescolas da comunidade

    quintanagalescolaboiro_100_190307.jpgBARBANZA > Anxo Quintana inaugurou as Galescolas de Boiro, Rianxo e Portas, as tres primeiras garderías da rede posta en marcha por Vicepresidencia.

    O executivo boirés puido ver cumprido un dos seus maiores anceios: a posta en marcha da gardería municipal. Despois de numerosos atrancos debido á falla de financiamento, o Vicepresidente da Xunta de Galicia, Anxo Quintana, inaugurou estas instalacións ubicadas na zona de Praia Xardín e que entrarán a formar parte da Rede de Galescolas que Vicepresidencia está a por en marcha en toda Galicia e que prevén a creación de 121 centros con máis de seis mil prazas para nenos de cero a tres anos.

    A Galescola de Boiro está previsto que entre en funcionamento nun prazo máximo de dous meses. Terá 102 prazas repartidas en sete unidades e nela traballarán uns 14 profesionais. Na construción e equipamento do centro a Consellería de Vicepresidencia investiu uns 608 mil euros.

    O rexedor boirés, Xosé Deira, agradeceulle ó Vicepresidente da Xunta o apoio económico prestado para a posta en marcha deste servizo na localidade. Aínda así sinalou sentirse frustrado, xa que segundo el, esta obra debera estar inaugurada e en funcionamento hai xa varios anos.

    quintanagalescolarianxo_200_190307.jpgCon anterioridade, Anxo Quintana inaugurou tamén as Galescolas de Rianxo e Portas. A primeira delas está previsto que entre en funcionamento no prazo de un ou dous meses. Disporá de 74 prazas, distribuídas en seis unidades e cun equipo constituído por 14 profesionais. O edificio, que está construído na zona da Martela, a carón das vivendas sociais e nas proximidades do novo Centro de Saúde, dispón de dúas plantas dotadas de todo tipo de equipamento. No proxecto Vicepresidencia investiu uns 568 mil euros.

    No caso de Portas a Galescola xa viña funcionando dende hai algún tempo. Dispón de 41 prazas divididas en tres unidades. Conta cun equipo multidisciplinar formado por cinco persoas e está situada no núcleo rural da Estación, na coñecida como antiga Azucareira. A gardería atópase emprazada na planta baixa con acceso independente, nun edificio no que tamén estará, como é o caso de Boiro, o Centro de Día para maiores. Na Galescola de Portas Vicepresidencia investiu ó redor duns 540 mil euros.

    Redacción Barbanza