Caixa Galicia adquire Sálvora para impulsar un proxecto medioambiental

    salvora_100_230307.jpgBARBANZA > Caixa Galicia vén de adquirir o arquipélago de Sálvora por un importe de oito millóns e medio de euros.

    A entidade financieira pretende poñer en marcha neste espazo natural, incluído no Parque Nacional das Illas Atlánticas, un proxecto medioambiental de ocio e investigación en colaboración coa administración pública.

    O director xeral de Caixa Galicia, Xosé Luís Méndez, e o propietario da Illa de Sálvora, o Marqués de Revilla, asinaron o acordo de compraventa do arquipélago, por un importe de oito millóns e medio de euros. Esta operación é o primeiro paso cara a creación dun fondo natural no que a entidade financieira investirá 40 millóns de euros nos próximos tres anos.

    Proxecto de investigación

    O obxectivo da Obra Social de Caixa Galicia é convertir a Illa de Sálvora nun referente para a investigación universitaria e o ocio. Para elo, deseñarase un Plan de Uso Público e Educación con programas para escolares e visitas organizadas.

    A investigación mariña tamén forma parte deste proxecto polo que a entidade estuda a creación de bolsas de estudo en Bioloxía Mariña e incluso a implantación no arquipélago dun departamento universiario nesta materia. Para este fin, estableceranse convenios con Universidades de toda España. Tamén se emprenderán iniciativas específicas para a conservación da flora e da fauna así como un inventariado dos recursos cun plan específico de formación para o sector pesqueiro que faena nas zonas próximas.

    Outras actucións encamiñadas a recuperar este espazo serán a rehabilitación do Pazo de Sálvora, de finais do século XVIII, e da aldea que se asenta na illa, composta por oito casas que se destinarán ó uso dos investigadores.

    Atractivo turístico

    O arquipélago de Sálvora formaba parte do patrimonio do marquesado de Revilla, figurando como administrador o presidente do grupo Frinsa, Ramiro Carregal. Precisamente, o empresario ribeirés é un dos principais valedores desta área singular, organizando na tempada estival numerosas excursións e visitas á illa, nas que convidaba a dirixentes de colectivos de carácter cultural, deportivo e social, así como tamén a políticos e xornalistas.

    A enorme potencialidade turística deste espazo tamén espertou o interese de varios empresarios que hai uns meses presentaran a súa oferta por valor de 3’6 millóns de euros. Agora, a súa adquisición por parte da Fundación Caixa Galicia permitirá a conservación deste espazo de gran valor ecolóxico e paisaxístico.

    Redacción Barbanza