A POBRA> O concello da Pobra seguirá adiante coa proposta de traslado dos alumnos do Fernández Varela a Bandaseca. Priman os criterios de baixada de matrícula no CEP Salustiano Rey Eiras que conta con instalacións infrautilizadas que poderían acoller tanto o módulo de infantil como a zona de comedor e madruga.
O concello da Pobra iniciou en novembro as conversas coa Xefatura Territorial de Educación para o traslado dos alumnos do Colexio Fernández Varela. Analizando os datos de matrícula que no colexio Salustiano Rey Eiras descenderon este curso ata 220 alumnos, ambas administracións coincidiron na necesidade de acometer o traslado do alumnado de infantil a este centro que conta cun módulo pechado que podería acoller ata oito aulas e que requiriría unicamente da adaptación dos baños.
De facerse efectivo o traslado, o concello da Pobra poñería a disposición de Sanidade as instalacións onde se empraza actualmente o Fernández Varela para acoller o centro de saúde. á súa vez, o actual ambulatorio podería destinarse a unha escola infantil pública se así o estima a Consellería de Política Social.
Dende o executivo pobrense amósanse abertos ó diálogo e seguirán a manter xuntanzas cas ANPAS e as directivas dos centros para trasladarlle toda a información relativa ó proceso e garantir que o traslado se faga con tódalas garantías e mantendo o actual proxecto educativo.











