Barbanza Arousa e Ría da Estrela levarán o mellor dos seus destinos a Fitur

BARBANZA> A mancomunidade Barbanza Arousa volverá a estar presente un ano máis na Feira Internacional de Turismo que se desenvolve dende este mércores ó domingo en Madrid. Farao para reforzar o seu posicionamento enogastronómico e presentar a que será a súa estratexia de experiencias de alto valor engadido.

Un ano máis a mancomunidade Barbanza Arousa participará na Feria Internacional de Turismo en Madrid. A cita será xa esta semana, do mércores ó domingo. A entidade acudirá a esta cita cunha presentación que pretende poñer en valor a súa identidade gastronómica e vitivinícola como eixe estratéxico do seu posicionamento turístico.

A presentación baixo o título ‘Barbanza Arousa, Viaxe a través da historia dos saboreso pretende mostrar o seu destino cunha aposta clara polo turismo enogastronómico e o turismo industrial, vinculados á tradición da salazón, a conserva ou os viños da IXP Terras do Barbanza e Iria. A presentación da súa oferta terá lugar o xoves 22, ás dúas da tarde, no stand de Turismo de Galicia.

Tamén estará presente en Fitur a Ría da Estrela. Alí presentará dúas novas peregrinacións marítimas: unha con etapa previa en Oporto e outra máis vinculada á modalidade histórica da ‘Vía Querinissima’. Dende a entidade o feito de que o Camiño da Ría de Muros-Noia se estea consolidando nos últimos anos como a única forma efectiva, comercializable e histórica de peregrinar a Compostela por mar, rememorando as travesías que seguiron milleiros de peregrinos dende a Segunda Cruzada ata a odisea de Pietro Querini no século XV.

A súa presentación no stánd de Galicia, baixo o título ‘O Camiño Marítimo, unha singradura histórica cara a Compostela’ terá lugar o vindeiro xoves ás catro e media da tarde. Correrá a cargo do actual presidente da ARD Ría de Muros Noia e da Asociación de Concellos do Camiño da Ría de Muros Noia, Luís Oujo, que estará acompañado  no acto por Roberto Ciambetti, presidente do Consiglio Regional del Veneto e presidente da Asociación Vía Querinissima.