O concello da Pobra disporá dun novo espazo cultural a finais de mes

    cineelma_100_100407.jpgPOBRA > O executivo pobrés confía en que as obras de acondicionamento do Cine Elma estean rematadas a finais de mes.

    Os traballos de rehabilitación do edificio deron comezo a pasada semana e están a a ser realizados pola empresa viguesa Simco.

    O alcalde e a concelleira de Cultura visitaron as obras de acondicionamento e mellora que se están a executar no edificio por importe duns 45 mil euros, que van con cargo a unha subvención da Deputación da Coruña e ós propios fondos municipais. De primeira man comprobaron a boa marcha dos traballos, o que lles fai pensar que a actuación poida estar rematada a finais de mes.

    Durante este tempo levarase a cabo o arranxo de todo o tellado para a eliminación das filtracións de auga, o acondicionamento de toda a fachada exterior con nova pintura, a construción duns novos servizos tanto para homes como para mulleres, así como a instalación dun novo sistema de iluminación e novo mobiliario.

    Dende o concello pobrés agradeceuse tamén á empresa Eroski a doazón realizada e que posibilitou tamén a compra das novas portas no interior do inmoble, así como o novo alumeado e as butacas. Esta reforma terá un carácter provisorio, xa que o executivo local está á espera de que a Deputación da Coruña, actual propietaria do edificio, lles ceda ó concello a súa titularidade, para proceder inmediatamente á súa total rehabilitación.

    Redacción Barbanza