Bieito Lobeira pregunta sobre a instalación dun embarcadoiro en Bamio

    reunionvecinosbamio_100_100407.jpgVILAGARCÍA > O deputado do BNG pregunta no Parlamento sobre a posible instalación do embarcadoiro no Garandoiro.

    Deste xeito o BNG da resposta ao compromiso que o propio Bieito Lobeira e máis o candidato vilagarcián Xosé Castro Ratón acadaron na reunión que o pasado 20 de marzo mantiveron coa Asociación de Veciños San Xinés de Bamio. Daquela os veciños pediron a creación dun embarcadoiro na zona do Garandoiro no que atracar as arredor de 40 embarcacións (entre barcos de recreo e de pesca profesional e marisqueo) coas que contan os residentes daquela zona.

    Os veciños lamentaban que por carecer desta instalación nestes momentos teñen que trasladar as súas embarcacións ata os peiraos de Catoira, Carril ou Vilaxoán. Nas preguntas presentadas ante a Mesa do Parlamento Bieito Lobeira solicita da Consellería de Política Territorial que explique se ten previsto acometer a instalación do embarcadoiro e que pasos habería que dar para facelo realidade.

    O deputado nacionalista tamén pregunta a quen pertencen os terreos onde se ubicaría e sobre os problemas que existen coa rampa da Bandeira. Actualmente en Bamio só existe unha pequena rampla para a subida e baixada de embarcacións que queda seca na baixamar. O BNG considera que a solución pasaría por instalar uns pantaláns no Garandoiro onde sí hai auga suficiente.

    Redacción Salnés