Vicepresidencia di que Cambados perdeu 150.000 euros pola gardería ilegal

    garderiacambados100_230407.pngCAMBADOS > O Concello recorrerá ó contencioso contra a sanción de 7.001 euros que lle impuxo Vicepresidencia da Igualdade …

    … por non pechar o quinto módulo da gardería. Unha decisión que respecta o organismo autonómico a pesares de advertir que estas ilegalidades xa lle custaron ós cambadeses 150 mil euros.

    A asesoría xurídica do Concello de Cambados está a redactar un recurso contencioso administrativo contra a sanción de 7.001 euros que lle impuxo Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar por non pechar o quinto módulo da gardería municipal. O goberno local insiste en que non existe ilegalidade na gardería polo que anuncian que seguirán pedindo amparo ós tribunais para por fin a esta persecución de Vicepresidencia.

    Lembra ademais que o secretario xeral e de Relacións Institucionais da Vicepresidencia, Antón Losada remitiu este ano o diploma que acredita o permiso de actividade da gardería, o que se contradí coas súas declaracións de ilegalidade. O Concello afirma que a pesares dos atrancos de Vicepresidencia, vai rematar as obras de ampliación da gardería, que vai engadir as 4 novas aulas en construcción e que vai seguir prestando o servizo, con ou sen apoio dese departamento.

    Pola súa banda, Vicepresidencia di respectar o dereito de Cambados a recorrer a sanción, pero lembra que manter ese módulo ilegal xa lle ten costado ós veciños a perda de case 150.000 euros. Ós 7.001 euros da sanción, Losada engade os 90.000 euros que se lle denegaron para ampliar a escola infantil e outros 5.000 pola suspensión dunha axuda para a mellora e mantemento do centro.

    Redacción Salnés