AMICOS propón 20 compromisos para a integración das persoas discapacitadas

    amicos_100_300407.jpgBARBANZA > AMICOS elaborou 20 propostas cuns compromisos que os partidos políticos deberan adquirir cara ás persoas con algún tipo de discapacidade … 

    … co obxectivo de consegui-la súa normalización e integración na sociedade. Algunhas das propostas fan referencia á necesidade de mellora-la atención sanitaria para este colectivo ou a súa inclusión laboral.

    Aproveitando a convocatoria dunhas eleccións municipais a presidenta de AMICOS, Esther Vidal, e o coordinador desta mesma entidade, Xosé España, presentaron estas 20 propostas que lles farán chegar a tódolos partidos políticos da comarca do Barbanza coa finalidade de que as teñan en conta e as inclúan nos seus respectivos programas de goberno.

    A primeira das propostas fai referencia á incorporación ás listas electorais dos partidos de persoas con algún tipo de discapacidade, baseándose no principio de méritos. Outra das súas solicitudes sinala a necesidade de que os concellos aproben un plan de promoción das persoas con discapacidade e que sufren exclusión social. Tamén reclaman a creación dun consello municipal de servizos sociais en cada municipio e outro de ámbito comarcal.

    No que se refire á inclusión laboral AMICOS considera necesario que os concellos den prioridade á hora de realizar algún tipo de contratación de servizos e obras ós centros especiais de emprego sen ánimo de lucro e talleres ocupacionais, así como o cumprimento estrito da reserva e ocupación legal dos postos de traballo de emprego público, garantíndose así que estas persoas con algún tipo de discapacidade intelectual poidan acceder tamén a estas prazas.

    Tamén teñen cabida entre estas 20 propostas a mellora da accesibilidade, políticas que favorezan o acceso á vivenda para estas persoas, así como criterios máis favorables tanto para eles como para as súas familias nos réximes fiscais.

    Redacción Barbanza