Rajoy asiste en Ribeira a unha multitudinaria ‘romaría popular’

    romeriapopular_100_300407.jpgRIBEIRA > O PP de Ribeira celebrou un multitudinario acto de apertura da súa campaña cunha romaría popular que congregou a preto de tres mil asistentes.

    Ademais do apoio de simpatizantes e militantes o cabeza de lista, Xosé Luís Torres Colomer, estivo arroupado polos presidentes do partido a nivel autonómico e nacional, Alberto Núñez Feijóo e Mariano Rajoy.

    A pesar de que o xantar de confraternidade dos populares ribeireses estaba convocado para as dúas da tarde do pasado sábado, a chegada dos líderes do partido non se producía ata ben pasadas as tres da tarde. Mariano Rajoy e Núñez Feijóo foron recibidos polo alcalde ribeirés á entrada da carpa instalada ó carón dos xulgados, onde os agardaban miles de simpatizantes do partido que lle brindaron numerosas mostras de cariño.

    Apoio ó candidato

    Durante o acto, o presidente do PP nacional destacou a importante labor desenvolvida por Xosé Luís Torres Colomer durante todos estes anos á fronte do goberno ribeirés. Mariano Rajoy pediu o apoio da cidadanía o vindeiro 27 de maio para que o actual rexedor poida continuar co seu programa co fin de converter a Ribeira nun dos municipios punteiros en Galicia.

    romariapopular_200_300407.jpgO líder dos populares galegos tamén tivo palabras de apoio para Xosé Luís Torres Colomer, ó que calificou de ‘alcalde exemplar’ que consegiuu un ‘concello de primeira’. Durante a súa intervención, Alberto Núñez Feijóo destacou tamén algunhas das obras acometidas polo anterior goberno da Xunta en Ribeira como o acondicionamento da estrada A Pobra-Oleiros, A construción de beirarrúas entre Xarás e Salmón, a mellora do firme na estrada Padrón-Ribeira, as inversións en infraestruturas portuarias ou a creación de vivenda protexida.

    Pola contra, o presidente do PPdeG criticou duramente a xestión do actual goberno galego polo retraso na execución da autovía do Barbanza e o mal funcionamento do hospital comarcal.

    Tras escoita-las intervencións dos líderes políticos e degustar un menú composto por produtos típicos da terra, os asistentes a esta romaría popular desfrutaron dunha longa sobremesa e un baile amenizado pola orquestra Odisea que se prolongou ata ben entrada a tarde.

    Redacción Barbanza