Arousa Norte impulsa unha nova iniciativa empresarial en Artes

    ateixoeira_100_301006.jpgRIBEIRA > O programa Crear de Arousa Norte posibilitou a creación dunha nova casa rural.

    As instalacións da Teixoeira, que así é como se chama o novo establecemento, atópanse na parroquia de Artes e teñen capacidade para dar aloxamento a unha dez persoas. Un bo número de persoas asistiron esta pasada fin de semana á inauguración deste hotel rústico.

    Os promotores desta iniciativa que vén de constituirse son Teresa Vidal Crujeiras e Agustín Rodríguez Álvarez. Os dous participaron durante o pasado ano nas accións formativas desenvolvidas por Arousa Norte, comprobando a viabilidade do seu proxecto empresarial, polo que se decidiron a crea-la súa propia empresa. Este ano ademais contarán co apoio da xerencia do ente supramunicipal para poder levar adiante o seu negocio.

    Na inauguración das novas instalacións participaron tamén o presidente da Mancomunidade Arousa Norte, Isaac Maceiras, e os alcaldes de Ribeira e Boiro, Xosé Luís Torres Colomer e Xosé Deira respectivamente, que deste xeito quixeron respaldar ós propietarios do hotel rústico A Teixoeira neste importante momento.

    As novas instalacións están realizadas en materiais nobres, e a decoración, así como a súa integración no entorno responden a criterios de beleza e estética. As dependencias contan ademais con importantes comodidades para os usuarios, como é caso de columnas de hidromasaxe en tódalas habitacións, así como tamén colchóns de latex, elementos que fan deste hotel un referente de boas prácticas a seguir no que a iniciativa turística se refire na comarca do Barbanza.

    Redacción Barbanza