O presidente da ABE ve compatible o seu cargo coa actividade política

    asembleaabe_100_030507.jpgBOIRO > A ABE celebrou unha asemblea xeral para presentar o balance das contas e das actividades realizadas no último ano.

    Aínda que non estaba incluído na orde do día, o presidente da entidade, Luís Ángel González Maceiras, decidiu poñer o seu cargo a disposición dos socios despois de anunciar a súa inclusión na lista electoral de ICBoiro.

    ‘Satisfeito e totalmente arroupado’. Así afirma sentirse o presidente da patronal boiresa, Luís Ángel González Maceiras, trala asemblea xeral celebrada o pasado mércores. No transcurso da xuntanza, o dirixente da asociación de empresarios puxo o seu cargo e máis o da vicepresidenta, Begoña Díaz, a disposición dos socios. Esta decisión veu motivada ante os insistentes rumores de crise xurdidos tralo anuncio da presentación de ámbolos dous directivos ás vindeiras eleccións municipais baixo as siglas de IC Boiro. Isto motivou a dimisión de tres membros da actual directiva, aínda que para o presidente, o importante e seguir contando co apoio maritario do equipo que dirixe e máis dos seus asociados.

    Luís Ángel González considera que non existe incompatibilidade algunha entre a súa implicación electoral e o cargo que desempeña á fronte do ABE. Iso si, unha vez celebradas as eleccións, e segundo os resultados acadados polos independentes, González Maceiras plantexarase a súa continuidade en función do que reclamen os socios.

    Balance satisfactorio

    En canto ó balance anual das contas, o dirixente da asociación louvou o traballo realizado por toda a directiva durante o último exercicio posto que a entidade conta cun remanente económico de 49 mil euros; mostra da boa labor exercida.

    No transcurso da asemblea deuse conta ademais das numerosas iniciativas organizadas pola ABE como a Boiroferta, o desfile de moda, a festa da tapa ou os concursos celebrados no Nadal ou nos días do Pai e da Nai. Así mesmo, aprobouse a suba da cota mensual de cada socio en 98 céntimos de euro.

    Redacción Barbanza