O alcalde, Santiago Freire, contará con dedicación exclusiva

    NOIA> O rexedor levará ó pleno da vindeira semana, no que se debaten os orzamentos, unha proposta que busca introducir tamén unha pequena reordenación na actual distribución das áreas de goberno. O alcalde, Santiago Freire, levará o pleno da vindeira semana, no que está previsto que se aproben os orzamentos municipais para este ano 2017, unha proposta para reestruturar varias das súas áreas de goberno, en concreto as que afectan ó grupo do Partido Popular. Un dos cambios máis significativos é que el mesmo pasará a contar con dedicación exclusiva, sumándose así ás dúas xa existentes, unha para cada un dos grupos que conforman o executivo. Despois dun ano á fronte da alcaldía, veuse obrigado a tomar esta decisión debido a problemas de incompatibilidade para poder desenvolver a súa actividade profesional e as responsabilidades que conlevan o propio cargo de rexedor. Percibirá unha cantidade próxima ós 46 mil euros brutos ó ano, unha cantidade semellante á que percibe coma funcionario do grupo A ó que pertence. En canto ó resto de cambios máis significativos reseñar que causarán baixa na xunta de goberno os edís Julio Bustelo e Saturnino Balderrábano. O seu lugar será ocupado por Ángela Neri e Mariola López Cierto. Tamén haberá algunha que outra restruturación nas áreas de varios concelleiros así o edil de Obras, Martín Fernández, pasará a asumir tambén a área de limpieza viaria, mentres que Ángela Neri será a nova responsable de Protección Civil. Segundo o alcalde os cambios responden básicamente á necesidade de compatibilizar as responsabilidades dos edís no Concello coas súas obrigas profesionais. Ademais, como xa aludía en máis dunha ocasión, a incorporación dunha nova dedicación exclusiva, non suporá maior gasto para as arcas municipais, ó continuar por debaixo da contía que dedicaba a soldos o anterior executivo.