VALGA > Despois de oito días e varias manifestacións dos veciños de Valga nas vías de tren parece que por fin se albisca unha solución ao problema dos pasos a nivel con barreira no municipio. Nun destes pasos falecían a semana pasada tres persoas logo de que o tren arrolara o coche no que viaxaban. O delegado do Goberno en Galicia, Manuel Ameijeira, reuniuse esta mañá co alcalde, José María Bello, e acordaron a supresión de once dos 14 pasos a nivel.
Once dos 14 pasos a nivel cos que conta Valga teñen os días contados e todo fai pensar que en realidade serán 12 pasos a falta do informe técnico que confirme que o paso de Campaña, no que aconteceu o terrible accidente a semana pasada, pode ser substituído por un paso elevado.
O delegado do Goberno en Galicia, Manuel Ameijeiras, estudaba en Valga co alcalde do municipio, Bello Maneiro e con técnicos de ADIF o convenio enviado por Fomento e o plantexado polo municipio valgués. O convenio contempla a supresión de certos pasos e a súa reunificación en pasos inferiores pero falta por comprobar a viabilidade da proposta de Valga de converter o paso a nivel de Campaña nun paso elevado. Unha cuestión á que só falta que os técnicos dean luz verde e que para o alcalde de Valga é impresicindible para chegar a entendemento.
Durante a reunión acordouse reunificar todos os pasos a nivel do municipio en dous inferiores que estarían nos lugares da Devesa e Forno a espera de que se os técnicos lle dean, previsiblemente, luz verde á creación dun paso elevado no de Campaña.
A falta de establecer datas oficiais, as obras executaríanse ao longo deste ano xa que serán tramitadas por vía de urxencia. O delegado do goberno comprometeuse a que, namentres non se executan, os pasos a nivel estarán vixiados polo persoal de RENFE.
Redacción Salnés