A POBRA> Un total de sesenta e cinco nenos participaron nos campamentos de verán da Pobra. Desenvolvéronse dende o mes de xuño nas instalacións do colexio Salustiano Rey Eiras. Rematarán o día dez de setembro co fin de que as familias poidan conciliar ata o inicio do curso escolar.
Os campamentos de conciliación da Pobra van tocando á súa fin. Aínda que seguirán a desenvolverse ata o día dez de setembro, moitos dos cativos participantes rematan hoxe a súa andadura polo que disfrutaron dunha actuación especial a cargo da pallasa Troskita.
O balance do campamento no que participaron sesenta e cinco nenos foi do máis positivo. Cada semana realizaron tarefas e actividades baseadas nunha temática concreta e incorporaron o uso de tablets para favorecer a interacción a distancia e a educación en novas tecnoloxías.
O goberno pobrense leva dende 2005 apostando pola conciliación con estes campamento que inclúen os complementos de Madruga e Comedor. A organización este ano supuxo un dobre esforzo para favorecer a conciliación garantindo a seguridade dos pequenos.