O PP pide o apoio dos veciños para ampliar a maioría absoluta en Meis

    candidaturappmeis100_070507.jpgMEIS > O PP aspira a ampliar a maioría absoluta que ostenta nos últimos anos. Como cartel electoral repite o actual alcalde, …

    … José Luís Pérez, quen tachou de mentireiros ós que din que en Meis non se fixo nada. Pérez contou co respaldo do secretario xeral do partido e do presidente provincial na presentación da súa candidatura.

    candidaturappmeis200_070507.jpgUnhas cincocentas persoas apoiaron ó actual alcalde de Meis e aspirante á reelección polo PP. Este sábado presentou no Multiusos de Mosteiro a súa candidatura. Un equipo, dixo, que traballará e loitará polo concello, do mesmo xeito que fixeron os seus antecesores. Un grupo tamén con caras novas en postos de saída, grazas ó relevo dalgúns dos actuais edís do grupo de goberno.

    Pérez repasou as principais xestións realizadas nas dúas lexislaturas que leva á fronte do Concello. Destacou sobre todo a aprobación do PXOM, pese ó voto en contra da oposición. Segundo explicou o plan xeral permite agora ó municipio o seu desenvolvemento industrial, e augurou que dentro duns 4 ou 6 anos o Concello poderá autofinanciarse. De tódolos xeitos, o actual rexedor afirmou, ante a presencia do presidente da Deputación, que seguirá petando nas portas doutras administracións durante os próximos 4 anos, ‘xa que seguirei sendo alcalde de Meis e Rafael Louzán presidente da Deputación’.

    O candidato popular tivo en conta na súa intervención as críticas que recibe dos seus contrincantes nestas eleccións. Ós que din que en Meis non se fixo nada afirma que ou están cegos ou menten e deixou a réplica en mans dos veciños, e pediulle que contribúan a unha maioría aplastante do PP o 27 de maio.

    Redacción Salnés