As ‘Sonatas de verán’ traerán a Vilanova a Montserrat Martí Caballé, Treixadura e Luar na Lubre

VILANOVA> Vilanova ten por diante un intenso verán de actividade cultural e lúdica. O concello desvelou este martes a programación das súas ‘Sonatas de verán’. Destaca a actuación da soprano Montserrat Martí Caballé, a segunda edición do Bivalvos Fest ou unha intensa axenda para a 32º edición da Festa do Mexillón e o Berberecho. Por Vilanova tamén pasarán nas vindeiras semanas Treixadura, Luar na Lubre e grandes orquestras.

Máis dunha vintena de eventos daranlle forma este 2026 ás Sonatas de Verán de Vilanova de Arousa. A programación cultural e festiva do municipio arrancará o 4 de xullo, prolongándose ata mediados de setembro. Dende o concello destacan a intensidade coa que se vivirán as vindeiras semanas en Vilanova, con propostas para todos os públicos.

A programación arrancará o 4 de xullo co Son de Vilanova Fest. O día 12 será a quenda de Antonio Barros e o 19, concerto de Pirata Cojo. Outra das citas destacadas é o Bivalbos Fest no Terrón.

Tamén a destacar as propostas que se inclúen dentro da 32º edición da Festa do Mexillón e o Berberecho, na fin de semana do 7, 8 e 9 de agosto.

Outro dos pratos fortes deste verán é a visita da soprano Montserrat Martí Caballé, que o 23 de agosto estará en Vilanova con ‘Querida Monstserrat, querido Luciano’.

Xa en setembro, proposta infantil o día 6 con Uxía Lambona e a Banda Molona, o día 13 festa na Pastoriza con Aché e o mércores 16, San Cipriano con Marbella. O alcalde augura un verán de moita intensidade en Vilanova, logo dunha primavera de moito movemento.