O PP de Rianxo denuncia ‘irregularidades urbanísticas’ no municipio

    vivendailegalrianxo_100_080507.jpgRIANXO > O PP de Rianxo vén de denunciar a proliferación de ‘supostos casos de urbanismo ilegal’ no municipio.

    Os populares acusan ó goberno local de favorece-los intereses de certas empresas construtoras en detrimento dos veciños ós que se lles impide edificar nos seus propios terreos.

    O candidato á alcaldía de Rianxo polo Partido Popular, José Ramón Vázquez, denunciou a existencia no municipio de varios edificios sometidos a denuncias xudiciais pola súa ‘suposta ilegalidade’.

    vivendailegalrianxo_200_080507.jpgEntre os casos observados polo grupo popular figura un edificio construído a menos de cen metros da costa, en contra das medidas de protección do litoral, outro inmoble situado en Rianxiño, que supostamente conta cunha altura máis da permitida, ou a construción de Mahía, que tanta polémica vén de levantar tras facerse pública a denuncia presentada contra o alcalde e os técnicos municipais.

    ‘Especulación e venda de información privilexiada’

    Segundo os populares, esta situación está provocada pola ausencia dun Plan Xeral de Ordenación Urbanística, que favorece a especulación e a venda de información privilexiada. Os principais afectados por estas irregularidades son os veciños que, segundo denuncia o voceiro popular, non poden construir nas súas parcelas polo que a única saída e a venda ás empresas construtoras ‘afíns ó goberno municipal’. Vázquez tamén denuncia a situación de inferioridade en que se atopan os construtores de Rianxo que non teñen máis remedio que traballar fóra.

    Ante o gran número de afectados pola ‘suposta proliferación dos casos de irregularidades urbanísticas’, o PP considera que existen só uns poucos beneficiados e, entre eles, apunta ós responsables do goberno muncipal.

    Redacción Barbanza