Reclaman que se retome o proxecto do polígono industrial de Moldes

    POBRA> Ante a crecente demanda de chan industrial na comarca, o BNG da Pobra reclama que se retome o proxecto do polígono de Moldes. Trátase dunha superficie dun millón de metros cadrados, entre os concellos da Pobra e Ribeira. A reserva de chan industrial entre os dous concellos barbanzáns é a única que, a día de hoxe, aparece proxectada no Plan Sectorial de Ordenación de Áreas empresariais da Xunta. Trátase dun proxecto iniciado polo goberno autonómico do bipartito, que quedou en suspenso trala chegada do PP ó poder. O BNG da Pobra insta á Xunta de Galicia a retomar este proxecto que contaba cos informes iniciais favorables. Outra das vantaxes é a súa accesibilidade, comunicado coa autovía do Barbanza así como o escaso impacto sobre o territorio. Aínda que a planificación inicial contemplaba o desenvolvemento dun millón de metros cadrados de chan empresarial, o BNG lembra que se trata dunha actuación a acometer por fases, en función da demanda e dispoñibilidade orzamentaria.