Política Territorial denega as licenzas para a implantación de canteiras en Boiro

    canteirabealo_100_080507.jpgBOIRO > A Dirección Xeral de Urbanismo decidiu finalmente denegar as licenzas para a construción de dúas canteiras proxectadas no municipio de Boiro.

    A pretensión de implantar dúas canteiras nos montes de Beluso e Confurco, na parroquia boiresa de Bealo, viuse freada pola resolución da Dirección Xeral de Urbanismo que decidiu denegar as licenzas que dúas emplesas dedicadas á epxlotación mineira tiñan solicitado no concello boirés.

    O organismo dependente da Consellería de Política Territorial entende que a implantación destas instalacións iría en contra da normativa urbanística establecida no plan xeral posto que os terreos afectados están catalogados como chan rústico de protección forestal.

    Contestación social

    Ademais da incompatibilidade legal, os proxectos xeraron a oposición de gran parte dos veciños do municipio que avogaban por protexer o importante valor paisaxístico e ecolóxico de ámbalas zonas, en especial, no caso do monte do Confurco, que xerou unha maior contestación social.

    Á satisfacción dos veciños vense sumar a do propio goberno municipal que xa no seu día, cando se soliciataran as licenzas, unha en 2004 e outra en 2006, emitira un informe desfavorable con respecto á implantación deste tipo de explotacións.

    Ademais do impacto medioambiental, a creación das canteiras suporía un notable incremento do tráfico pesado no entorno do río Brea e a perda do valor paisaxísitco da zona, onde o o concello ten previsto habilitar un parque periurbano.

    Redacción Barbanza