Rubén Lois destaca a necesidade de crear infraestrutura hoteleira

    rubenloiscosempresarios_100_090507.jpgRIBEIRA > O director xeral de Turismo, Rubén Lois, explicou ó empresariado barbanzán as políticas da Xunta para potencia-lo sector.

    A aposta pola ‘calidade e a internacionalización’ do turismo son dous dos piares básicos para a potenciación do sector na comarca do Barbanza. Así o expresou o director xeral de Turismo, Rubén Lois, no seu encontro cos representantes do empresariado da zona, no que destacou as inmensas cualidades paisaxísticas da bisbarra que hai que seguir poñendo en valor.

    Do lado negativo, Rubén Lois sinalou a falla de infraestrutura hoteleira fronte á crecente construción de apartamentos na costa, que permanecen baldeiros a maior parte do ano. A creación de aloxamento e a captación dun perfil de visitantes con maior poder adquisitivo suporían un paso adiante para a consolidación da oferta turística, a través do Consorcio de Turismo Arousa Norte.

    Proposta municipal

    A candidata á alcaldía de Ribeira polo BNG, Dominga Brión, expuxo a súa proposta en materia de turismo a nivel local. Os nacionalistas propoñen un plan dinamizador a través dun turismo activo que complemente con rotas e visitas novidosas, a actual oferta turística da zona.

    Destacan ademais a necesidade da posta en valor dos espazos naturais como o parque natural de Corrubedo e o Parque Nacional das Illas Atlánticas e apostan pola potenciación das festas tradicionais como a Dorna, O Facho, a Muiñada de Amendo ou a festa da Chuvia. O director xeral comprometeuse a apoiar dende o seu departamento a organización destas celebracións populares e adiantou admeais que xa están en marcha a elaboración dunha nova lei para o sector que se fará de forma consensuada co sector.

    Redacción Barbanza