Os afeccionados ós xogos de rol teñen unha cita o 12 de setembro en Ribeira

RIBEIRA> A Concellería de Turismo de Ribeira programou unha innovadora iniciativa para o Día de Santa Uxía. Consistirá nun xogo de rol co Parque Natural de Corrubedo como escenario dirixido a uns 30 participantes.

Dar a coñecer o noso patrimonio natural afondando na historia recollida na tradición oral é o obxectivo da nova proposta de Turismo. O día 12 de setembro, coincidindo coa festividade de Santa Uxía, desenvolverase un xogo de rol na contorna do Vilar baixo o título ‘Camiño a Valverde’

A iniciativa está pensada para uns 30 participantes, divididos en 5 grupos, que deberán ataviarse segundo o papel asignado.  Contarán coa colaboración do Grupo Mimarte, cun nutrido elenco de actores que guiarán ós concursantes a través da improvisación.

Os interesados en participar poden anotarse contactando co departamento de Turismo para reservar a súa praza. O xogo dará comezo ás once da mañá cunha duración aproximada de tres horas.