Convocadas novas xornadas de folga no sector da conserva

BARBANZA> Será este xoves e o venres, con concentracións ás doce da mañá en Boiro, Vilagarcía e Vigo.

Tras o éxito da primeira xornada de folga celebrada o pasado 21 de xaneiro, os sindicatos volven á carga convocando dúas novas concentracións para esta semana, o xoves e o venres.

Pretenden novamente facer unha chamada de atención á patronal, para que atenda as súas reivindicacións, reclamando un convenio digno na conserva no que se garanta, entre outros aspectos, o mantemento do poder adquisitivo, a suba salarial nunca por debaixo do IPC ou acabar coa actual fenda salarial entre homes e mulleres.

Dende os sindicatos cargan ademais contra a patronal do sector a que acusan de non recoñecer o esforzo e o compromiso do persoal que foi esencial durante a pandemia e que lle permitiu aumentar os seus beneficios durante este período.

Como paso previo á convocatoria de folga, mañá martes manterase unha reunión da  mesa de mediación solicitada polo Ministerio de Traballo, a que os sindicatos acudirán con escasas esperanzas, e á que a propia patronal xa anunciou que non asistirá presencialmente.

Dende os sindicatos fan unha chamada ós traballadores a secundar este xoves e o venres as xornadas de folga e asistir ás mobilizacións convocadas eses dous días, ás doce da mañá, en Boiro, Vilagarcía e Vigo, desoíndo as presións das empresas.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí