O museo Valle-Inclán conta con fondos adaptados para invidentes

    POBRA> O museo Valle-Inclán da Pobra dispón de novo material adaptado para as persoas invidentes. Mediante maquetas en relevo, esculturas, gravacións sonoras ou textos en braille, os visitantes con algunha deficiencia visual poderán disfrutar dos fondos do museo. Ver tocando. Precisamente isto é o que busca o concello e a dirección do museo Valle-Inclán da Pobra que veñen de dar un paso máis na adaptación dos fondos da súa coleccións. Despois de tres anos nos que foron pioneiros no turismo accesible o equipo técnico do centro elaborou unha serie de materiais que complementan a experiencia de visitar o museo para as persoas con algunha discapacidade visual. A través do tacto poderán coñecer a estrutura da Torre de Bermúdez, mediante unha maqueta en relevo, ou tres esculturas do ilustre escritor. Tamén se realizou unha escolma de caricaturas e textos adaptados. Os visitantes poderán tamén facer un percorrido polas diferentes etapas literarias e vitais de Valle a través do tacto, evocadas mediante teas. O son é tamén parte fundamental desta experiencia na que os visitantes son recibidos en cada sala por diferentes lecturas. A adaptación a través destes novos fondos é posible grazas á Fundación ONCE, cuxos representantes xa tiveron ocasión de visitar o museo.