A Deputación financia con 300.000€ a continuidade de A Segorella

    segorellafirma100_090507.jpgCAMBADOS > O proxecto de Rehabilitación de Muíños A Segorella continuará un ano máis grazas ós 300 mil euros que aportou …

    … a Deputación de Pontevedra ós concellos de Meis, Ribadumia e Meaño. O presidente do organismo provincial, Rafael Louzán, asinou hoxe o convenio de colaboración co presidente da Mancomunidade do Salnés, Jorge Domínguez.

    muios200_090507.jpgA Deputación de Pontevedra financiará con 300.000 euros a rehabilitación de muíños e o acondicionamento de paseos fluviais nos concellos de Meis, Meaño e Ribadumia. Hoxe asinouse o convenio que posibilita a continuación do proxecto denominado A Segorella, despois de que o novo goberno da Xunta decidise non continualo. ‘A Xunta non quixo A Segorella e aquí está a Deputación para salvarnos’, sinalou o presidente da Mancomunidade do Salnés e alcalde de Meaño, Jorge Domínguez.

    O proxecto dará comezo a vindeira semana, coa contratación de 30 persoas. En Meis está prevista a reconstrucción dun edificio para o seu uso como área de servizo no entorno dos muíños de San Martiño e a rehabilitación do muíño dobre de ‘Jarete e Montado’. En Ribadumia centrarase na rehabilitación do muíño de Abalo en Lois e do muíño de Tabeirós en Sisán. Finalmente, a intervención no municipio de Meaño centrarase na mellora dos muíños de Picón.

    Este convenio tamén posibilitará darlle continuidade ó acondicionamento dos paseos fluviais existentes nestes contornos, así como das rutas. En anteriores edicións o Obradoiro de Emprego A Segorella restaurou 35 muíños nestas zonas interiores do Salnés e creou catro paseos fluviais.

    Redacción Salnés