![]()
A ILLA > Parece que as grandes presentacións ó xeito da Nova Pontevedra de Telmo Martín callaron nestas eleccións.
E nun concello moito máis modesto, como é o da Illa, o PSOE decidiu seguir esa liña e elaborou un DVD no que amosa como ve a Arousa do futuro. Con el, o PSOE local quere amosarlles os proxectos que ten en marcha e que cambiarán totalmente a fisionomía deste concello.
Intercalando imaxes reais con infografías, os socialistas queren que se vexa da forma máis real posible a imaxe da Illa dentro duns anos, cando rematen todos aqueles proxectos que, segundo aseguran están xa en marcha, como son as vivendas sociais, a nova pasarela sobre a praia do Vao ou o edificio Porta da Illa, unha moderna construcción que recibiría a tódolos visitantes e serviría de mirador sobre este enclave privilexiado.
Pero no video dos socialistas tamén se fala da galescola, que incluirá un patio interior cuberto e outro exterior con xogos, os novos pantaláns e do porto deportivo ou da remodelación do paseo do Cantiño. Na praza do Regueiro propoñen un centro de actividades lúdicas e dentro das instalacións deportivas aparece unha moderna piscina climatizada e un pavillón polideportivo.
E, por suposto, non se esquecen das infraestructuras dotacionais que inclúen o auditorio, o centro da terceira idade e o novo centro de saude, obras que, segundo os socialistas, farán que A Illa comece unha nova era.
Redacción Salnés









