Comeza a campaña de vacinación contra a gripe

    VILAGARCÍA> Esta mañá daba comezo a nova campaña de vacinación contra a gripe. Galicia adquiriu para este inverno máis de 530.000 doses que serán repartidas en 900 centros da Comunidade. En Pontevedra, os maiores de 60 anos e as persoas pertencentes a grupos de risco poderán vacinarse en 250 centros repartidos por toda a provincia.

     

    Os interesados terán 8 semanas para vacinarse contra a gripe e a pesar de que os sanitarios aconsellan non colapsar os servizos durante os primeiros días, son moitos os que hoxe fixeron cola nos seus centros de saúde.

    Con estas vacinas, unha para a poboación xeral, outra para os maiores de 75 anos e a específica para as persoas con alerxia severa ao ovo esperan minimizar o impacto da gripe mediante a prevención e a diminución da gravidade dos seus síntomas. En 2014 administráronse na área de Pontevedra e o Salnés máis de 43.000 doses e este ano esperan incrementar esa cifra.

    Dende sanidade lémbrase que a poboación diana desta campaña son os maiores de 60 anos, as persoas con enfermidades crónicas cardiovasculares ou respiratorias, persoas con inmunodeficiencias, embarazadas e persoal sanitario, policía ou bombeiros. Os que o desexen deben pórse en contacto co seu centro de vacinación habitual, onde lles informarán de cómo solicitar a cita.

    {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/10outubro/19/inicio_campana_gripe.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/10outubro/19/inicio_campana_gripe.mp4{/flowplayer}